Ir al contenido principal

ideas básicas. World Wide Web

É un universo de "páxinas" relacionadas e enlazadas. Permite o acceso a todos os recursos de información dispoñibles mediante referencias cruzadas de información, e cada páxina web ten conexións que permiten acceder a outros sitios. Ao igual que Internet, é un sistema descentralizado.
O seu funcionamento require:
- un protocolo HTTP
- un enderezo URL
- unha linguaxe para representa-lo hipertexto. HTML. A Web caracterízase polo uso  de documentos de hipertexto que permite usa-los recursos dispoñibles e navegar polas distintas fontes de información mediante os enlaces/hiperenlaces (links).
Ao que se engade o desenvolvemento de aplicacións clientes para todo tipo de plataformas e representar información multiformato, navegadores.
Oa navegadores son programas que interpretan e traducen o HTML do documento que se atopa no servidor WWW para velo na pantalla do noso monitor. Un navegador permite usar a maioría dos servizos de Internet, a través dunha soa aplicación e cun procedemento único. É dicir, para facilitar o acceso a telaraña de páxinas ou sitios necesítase un navegador ou visualizador (browser) que, con aplicacións ou programas auxiliares (plug-ins), facilitará a visualización de imaxes fixas, animadas, vídeo, sons e emisións de radio e televisión.
O deseño da WWW segue o modelo cliente/servidor.
Cando en Internet se realiza unha consulta a unha base de datos, se visualiza un documento de hipertexto ou se transfire un ficheiro, establécese un proceso no que interveñen dúas partes: por un lado, o usuario executa unha aplicación no seu ordenador local: o programa cliente. Este programa (os navegadores, por exemplo) porase en contacto co ordenador remoto para solicita-la información desexada. O ordenador remoto responderá á solicitude feita polo noso programa cliente, a través doutro programa ou aplicación que ofrece a información solicitada. Este último denomínase programa servidor.
Os termos cliente e servidor úsanse tanto para referirse ós programas que cumpren esas funcións como ós ordenadores onde se executan eses programas: ó ordenador que solicita un servizo se lle chama cliente e o que resposta á petición é o servidor. Uns ordenadores almacenan información e outros serven para acceder a esa información.
Funcións do programa cliente:
- xestiona a comunicación co servidor
- solicita un servizo
- recibe os datos enviados polo servidor
- xestiona eses datos a nivel local
Funcións do programa servidor:
Só ten que encargarse de transmiti-la información de maneira eficaz, sen preocuparse de atender a cadanseu usuario conectado. Un mesmo servidor pode atender a varios clientes.


Comentarios